Want to make creations as awesome as this one?

As máscaras non calarán o noso berro

More creations to inspire you

Transcript

Isto non pretende ser un manifesto. Tampouco un discurso. Nin un sermón. Só un berro na memoria das 41 mulleres cuxas vidas foron truncadas inxustamente neste ano, porque somos aquilo que recordamos. E hoxe estamos aquí para lembrar a todas as mulleres que foron asasinadas pola violencia de xénero, que foron asasinadas polo machismo, que foron asasinadas polo feito de seren mulleres. Que lembrarán Luisa e Eduardo da súa nai, asasinada a puñaladas? Que recordarán as fillas de Alina, ou as de Clara, ou as de Ana, ou as de María del Mar, ou as de Mónica, ou as de centos e centos de mulleres, senón o horrible asasinato das persoas que as trouxeron a este mundo e que as amaban como só unha nai quere as súas fillas? E quen se lembra de Clara, unha nena de tres anos, que o seis de xaneiro pasou a noite máis longa da súa vida, da que xamais conseguiría espertar? HOXE NON ESTAMOS TODAS. FALTAN AS ASASINADAS! Á pandemia do coronavirus que azouta o planeta témoslle que engadir outro virus que leva con nós desde tempos inmemoriais: a violencia de xénero. Mozo ou vello; con estudos ou sen eles, rico ou pobre, a martelazos ou coiteladas; estrangulando, aforcando ou a puñazos... Todo vale para estender ese virus do machismo. O confinamento foi duro para a maior parte da poboación, pero foi insufrible para as mulleres que tiveron que estar encerradas co seu agresor. As máscaras, o xabón e a distancia de pouco serven para derrotar esta enfermidade social. Buscamos unha vacina para a covid e mesmo semella que a imos ter en tempo récord, mentres, deixamos a un lado a violencia de xénero e o machismo, que tamén mata, como o coronavirus. E a súa vacina non precisa de laboratorios: é a igualdade. Con motivo do 25N, día contra a violencia de xénero, a comunidade educativa do IES Félix Muriel e o pobo de Rianxo queremos berrar que O MACHISMO MATA! No que levamos de ano 41 mulleres foron asasinadas pola violencia machista. Mónica Linde e a súa filla Clara, Olga Savenchuk, Judith Sánchez ou Liliana Matescu forman parte dunha longa lista: até 1074 asasinadas desde que en 2003 empezaramos a contar. 17 anos contando nais, fillas, irmás enterradas. As mulleres estamos fartas. Estamos fartas de non poder saír á rúa cando queiramos. Estamos fartas de ser acosadas. Estamos fartas de que nos traten de histéricas. Estamos fartas de ser asasinadas por sermos mulleres. O albor da nosa memoria debe iluminar as escuras experiencias destas mulleres. A súa valentía e heroísmo son os motivos polos que, malia o odio, a violencia e o machismo, a vida segue a valer a pena por cada segundo que pasa. Por iso, desde o IES Félix Muriel, chamamos a todos, rapaces e rapazas, mulleres e homes para facer fronte a esta outra pandemia. PORQUE AS MÁSCARAS NON CALARÁN O NOSO BERRO, BERRAMOS: Fronte ao terror da violencia, máis igualdade! Fronte á noite do medo, máis sororidade! FRONTE AO VIRUS DO MACHISMO, MÁIS FEMINISMO!

AS MÁSCARAS NON CALARÁN O NOSO BERRO

Manifesto 25N20

Este manifesto é o resultado dunha creación colectiva na que participaron: Marco Bravo, Irene Creo, Sergio Fernández, Laura Muñiz, Carla Saborido, Sebas Vargas e Mario Viñas (alumnado de 2º Bacharelato – C)