Want to make creations as awesome as this one?

2020 - Ricardo Carvalho Calero

Transcript

Pasa a páxina...

A Real Academia Galega dedicará o Día das Letras Galegas de 2020 ó ferrolán Ricardo Carvalho Calero

Carvalho Calero será o homenaxeado o próximo 17 de maio, coincidiendo cos 110 anos do seunacemento e os 30 do seu falecemento.

Ferrol, 30/10/1910-Santiago de Compostela, 25/03/1990

Filólogo e escritor, mestre de varias xeneracións, licenciado en Dereito e en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela e Doctor pola Universidade de Madrid. Membro numerario da Real Academia Galega, primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago. Membro da Academia das Ciencias de Lisboa dende 1981 e membro de honor da Associaçom Galega da Língua.

Titulacións

Tras os primeiros estudos na súa cidade natal, en 1926 chegou a Santiago para estudar Dereito. Alí entrou en contacto co galeguismo articulado arredor do Seminario de Estudos Galegos, no que ingresaría en 1927. Nesta etapa, redactou un manifesto sobre a galeguización da universidade, participou na fundación do Partido Galeguista en 1931 e na redacción do Estatuto de Autonomía para Galicia (1931-1932). Tamén escribiu artigos en A Nosa Terra e na revista Nós e publicou as súas primeiras obras, como Vieiros (1931) e O silenzo axionllado (1934).

VIDA

En 1931 volveu a Ferrol para traballar como administrativo municipal e desde alí cursou por libre a carreira de Filosofía e Letras. O golpe militar sorprendeuno en Madrid cando opositaba á cátedra de Lingua e Literatura españolas de ensino medio e incorporouse á loita como miliciano. Ao acabar a guerra, foi condenado a doce anos de cárcere. En 1941, regresou a Ferrol, en liberdade condicional mais imposibilitado para acceder a cargos públicos. Sobreviviu dando clases no ensino privado, nun silencio obrigado (as pezas teatrais A Arbre, Farsa das Zocas e A sombra de Orfeo, escritas en 1948, non verían a luz ata moito despois). As lembranzas deses anos quedaron inmortalizadas na súa novela Scórpio (1987), Premio Nacional de Literatura.

En 1950 trasladouse a Lugo para dirixir o Colexio Fingoi e retomou a súa produción poética, coas obras Anxo de terra (1950) e Poemas pendurados de un cabelo (1952). En 1951, publicou A xente da Barreira, a primeira novela galega da posguerra.

Nesta década, comprometeuse coa Editorial Galaxia na revitalización da cultura galega, colaborou en Grial, na prensa especializada e no xornal La Noche e consagrouse como o principal estudoso das letras galegas con Sete poetas galegos (1955) e Aportaciones a la literatura gallega contemporánea (1955), froito da súa tese de doutoramento. En 1958, ingresou na Real Academia Galega cun estudo sobre as fontes literarias de Rosalía. O froito máis valioso neste campo foi a súa Historia da literatura galega contemporánea (1963, completada en 1975).

En 1965 incorporouse como agregado ao Instituto Rosalía de Castro de Santiago e empezou a impartir clases de galego na Universidade compostelá (á que se dedicaría de forma exclusiva desde 1972). Foi o primeiro docente universitario de Lingüística e Literatura Galegas e, a partir do 72, o primeiro catedrático.

As publicacións relacionadas coa lingua galega e a súa codificación tamén centraron a súa atención. A súa Gramática elemental del gallego común (1966) tivo sete edicións ata 1979 e foi un manual imprescindible para os primeiros estudantes universitarios de Filoloxía Galega. Así mesmo, participou na elaboración, por encargo da RAG, das súas primeiras normas ortográficas (1970) e morfolóxicas (1971).

De 1975 en diante, comezou a defender os postulados reintegracionistas, en especial tras o fracaso da proposta normativa da Comisión de Lingüística, presidida por el, en 1979. De feito, a derradeira década da súa vida estivo caracterizada pola atención prioritaria aos problemas da lingua e ao desenvolvemento da proposta reintegracionista.

https://www.lingua.gal/letras-galegas/_/contido_0058/2020-ricardo-carvalho-calero