Want to make creations as awesome as this one?

Transcript

No triángulo comprendido entre a Praza do Ferro e as rúas da Paz e Lepanto naceron, viviron e traballaron unha boa parte dos escritores e estudosos ourensáns: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Xoaquín Lorenzo "Xocas", Eduardo Blanco Amor ... Grandes xenios que Casares recorda no seu ensaio "Ourense de auga e pedra", no que rende homenaxe a cidade coma gran capital da narrativa galega. "Pensemos nun triángulo imaxinario que se estendese no pequeno espazo comprendido entre a Praza do Ferro, a Rúa da Paz e a Rúa de Lepanto. Os vértices estarían marcados por tres edificios de pedra de gra, máis ben modestos, cativa manifestación arquitectónica dunha pequena burguesía con rendas no campo e empregos na administración ou o exercicio de profesións liberais, cando non na dedicación ao pequeno comercio. Pouca cousa. Nese breve núcleo urbano non superior a unha hectárea, nun período de tempo de pouco máis de dez anos, entre 1884 e 1897, naceron un grupo de escritores ós cales Ourense lles debe, en boa parte, a súa imaxe de urbe culta e literaria: a mítica Auria ou Oria da literatura galega. Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco viñeron ao mundo na Rúa da Paz, que antes se chamaba dos Zapateiros; Eduardo Blanco Amor, na de Lepanto, case na porta da catedral, que anos máis tarde lle ía inspirar a novela titulada La Catedral y el niño. Florentino L. Cuevillas, aínda que naceu na Rúa do Progreso, a uns centos de metros daquel lugar, viviu practicamente toda a súa vida na Praza do Ferro. Neste barrio foron nenos." («Ourense» en Ourense de auga e pedra, 1990)

Praza de San Martiño Casares dedica aos obispos, como cabeza do poder relixioso da cidade, unha das súas novelas máis célebres "Ilustrísima". Neste pasaxe non se fai referencia as escaleiras que hoxe dan acceso á porta oeste da catedral, na rúa Arcedianos, porque non se construíron ata comezos dos anos 80. "Para saír, elixiu Ilustrísima sotana sen cordón de calabrote, dulleta de merino, tella normal e zapatos sen fibela. Pensou que deste xeito podería pasar ben sen ser recoñecido. Despois baixou rápido polas escaleiras do patio interior, atravesou este cara á corte dos cabalos, abriu a porta de servizo do cocheiro, mirou con tento para ver se había fóra xente coñecida e saíu á Rúa de Arcedianos. Na entrada da catedral estaban de palique algunhas sotanas que o medo a ser descuberto e a distancia non lle permitiron identificar." (Ilustrísima, 1980)

Igrexa dos Franciscanos Esta igrexa, hoxe afogada entre modernos edificos, foi trasladada ao lugar que ocupa actualmente en 1929 dende o seu emplazamento orixinal no convento de San Francisco, ao lado do Auditorio. Este recinto monumental, do que se pode visitar o claustro gótico, foi cuartel de infantería dende 1843 ata 1984. Este feito histórico é recordado por Casares na súa novela "Os mortos daquel verán" "Confesou Pampín González ter sido el un dos defensores dos seus antigos compañeiros inxustamente escarnecidos, dándose a circunstancia de que un deles, o Manuel Touza Rodríguez, morto en accidente no segundo forno en vésperas do desencadeamento dos sucesos revolucionarios, era amigo de seu desde que os ámbolos dous serviran xuntos no cuartel de San Francisco, na cidade de Ourense, e que por esa razón se lle revolverán os fígados ao se enteirar da noticia de que morrera abrasado, deixando muller sen posibles e tres fillos inocentes, sumándose entón dun xeito espontáneo á convocatoria da Folga Xeral Revolucionaria en protesta pola falta de seguridade; pero que non era certo que formase parte do piquete que se presentou na casa rectoral o primeiro día da folga pola noite co criminal propósito de deter ou secuestrar ao señor curra párroco…" (Os mortos daquel verán, 1987) No convento de San Francisco Na actualidade

Parque de San Lázaro "Cambio en tres" é un relato sobre a emigración a Europa nos anos 70. Nesta novela o escritor fai unha descrición maxistral de espazos da cidade coma o Parque de San Lázaro, escenario de xogos da súa infancia. "–Agarda que vou beber á fonte do Parque. A auga está quente, puro caldo, pero ela non se dá conta porque o Cachorro di: «Oe Pila, imaxínate se viñésemos unha noite ata aquí con dez ou quince paquetes de deterxente, e deixarllos caer no estanque da fonte ¿eh?, que barullo de escuma se armaría, seguro que chegaba máis alá dos Salesianos…»." (Cambio en tres, 1969 Anos 60 Actualidade

Hotel Parque O antigo Hotel Parque , hoxe desaparecido, foi durante moitos anos o marco da tertulia dirixida polo intelectual Vicente Risco á que asistían moitos artistas e escritores coma Carlos Casares. "Era daquela Vicente un velliño pequeno e cegato, miúdo de corpo, case octoxenario, aínda que mentalmente moi lúcido. Polas tardes, a iso das tres, chegaba ao Café Parque de Ourense, onde tiña a súa tertulia nos últimos anos da súa vida. […] Como en todas as reunións informais destas características, os temas das conversas eran moi variados. Había quizais unha tendencia acusada a falar de arte, debido á presenza nutrida de pintores e escultores que escoitaban a Risco con atención, pois era moi aberto e sentía curiosidade por calquera tendencia experimental ou renovadora, ademais de que coñecía moi ben a historia da arte moderna." (Un país de palabras, 1998) Vicente Risco

Cruce da Avda. da Habana e Cardenal Quevedo No cruce da Avenida da Habana con Cardenal Quevedo atopamos a casa onde naceu o escritor. A súa vida transcorreu entre Ourense, A Limia, Vigo, Cangas ... sen esquecer Suecia, de onde era a súa muller

Rúa de Curros Enríquez O amor de Casares pola historia (real ou inventada) inspirou moitas das súas obras. Unha delas é "Os escuros soños de Clío" na que o título fai referencia á musa da historia. Tamén foi un apaixoado biógrafo, que relatou a vida de grandes figuras das nosas letras como Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo ou Manuel Curros Enríquez, poeta de Celanova, que da nome a rúa onde nos atopamos. "Pero un día, ao chou, cando andaba buscando datos para un traballo sobre Curros Enríquez na biblioteca de Rey Soto, cosido a un mazo de exemplares do periódico O Tío Marcos da Portela atopei un pequeno folleto manuscrito titulado: Malventuras de don Luís Meruéndano del Campo, condenado a morte e salvado nas últimas por intercesión do Perello, e morto na cama moitos anos despois de mal da alma, por Farruco Paz, licenciado en Dereito. " (Os escuros soños de Clío, 1979) Rúa Curros Enríquez dende a Torre Rúa Curros Enríquez dende Celso Emilio Ferreiro .

Praza do Trigo Neste pasaxe de "Deus sentado nun sillón azul", Casares recorda os desastres da Guerra Civil española na cidade. A praza do trigo foi antigamente mercado de cerámica e cereais, de aí lle ven o nome. Tamén había prateiros. "Foi Antonio Salgado París a persoa que evitou que aquela noite na cidade se vivise unha traxedia, enfrontándose con valentía ao grupo de exaltados que se dispuñan a plantarlle lume á catedral coas beatas dentro, e, como eles mesmos dicían, pilladas as infelices das devotas no momento en que se celebraba unha novena para pedirlle ao Santo Cristo a conversión das persoas que estaban levando o país polo camiño do pecado. Subido no alto da fonte da Praza do Trigo, Antonio Salgado París conseguiu calmar a aqueles homes, moitos dos cales se lle arrepuxeron…" (Deus sentado nun sillón azul, 1996) 1920 Na actualidade

"Signoras e signores, lo que aquí vamos a ver questa sera é un espectáculo incomparabile. Lo aparato que ustedes pueden contemplar delante de los suos ollos, inventado por los mesiés Auguste e Louis Lumiere de París..." Son palabras que Carlos Casares, na súa novela "Ilustrísima" (1980), pon en boca de Eduardo Barbagelata, na recreación literaria que fai da presentación do espectáculo cinematográfico que os Barbagelata montaron en Ourense a comezos do século XX. O Cine Barbagelata era o segundo edificio pola esquerda

Rúa Santo Domingo/ Cardenal Quiroga O Cardenal Quiroga foi durante algúns anos párroco de Santo Domingo, a igrexa que está na rúa do mesmo nome. Nacido no pobo de Maceda, é recordado pola súa labor de divulgación do Camiño de Santiago. Casares recorda unha visita que lle fai Otero Pedrayo a este ilustre ourensán. "Un día, segundo me contou Ramón Piñeiro, don Ramón Otero Pedrayo, que daquela rexentaba unha cátedra de Xeografía na universidade de Santiago, presentouse no pazo episcopal de Compostela para visitar ao cardeal Quiroga, de quen era bo amigo desde os tempos afastados nos que este último exercía como párroco de Santo Domingo, no centro de Ourense. A visita, polo tanto, non tiña nada de cousa extraordinaria. Como noutras ocasións, o prelado e o escritor recordaron vellas historias, tomaron café e botaron un pito(...)" Á marxe, La Voz de Galicia, 23 de marzo de 1995 Rúa Santo Domingo, esquina Cardenal Quiroga Igrexa de Santo Domingo

Praza do Ferro/ Rúa Lepanto Casares recorda a figura de Eduardo Blanco Amor , autor de "A Esmorga" que viviu nunha casa da rúa Lepanto. Como moitos galegos da súa época, Blanco Amor emigrou a América na xúa xuventude e regresará a Ourense xa de adulto. "Eduardo Blanco Amor é ourensán, pero de neno emigrou á Arxentina e viviu alí durante máis de corenta e cinco anos, en flor de popularidade. Cando volveu traía algúns libros importantes na maleta. Por exemplo "La catedral y el niño" e "A Esmorga". […] Pero cando voltou de Buenos Aires, a Eduardo non o coñecía case ninguén na súa cidade. […] De todos xeitos, coñecido ou non polo grande público […] Blanco Amor é unha das grandes figuras con que conta a literatura galega contemporánea. […] E quizais un día, Eduardo, acabará alegrando a todos cun libro que nunca escribiu pero que inconscientemente vai esfiañando pouco a pouco nas tertulias que fai ás veces cos amigos: a súa historia de escritor vivindo entre escritores. El foi amigo de García Lorca, por exemplo, a quen lle lía versos de Pondal, que acendían o entusiasmo contaxioso do poeta granadino: «¡Fantástico! ¡Maravilloso! Pero, ¿Dónde estaba este poeta?» Tamén é amigo de Alberti. Ogallá non se perda esta que sería unha extraordinaria crónica." («Con esta Lupa», sección en colaboración con Siro López, en La Región, 6 de maio de 1973) Eduardo Blanco Amor Praza do Ferro Casa de Blanco Amor- Rúa Lepanto

A Alameda De orixes medievais, a Alameda que hoxe coñecemos debe o seu aspecto as reformas realizadas a comezos do século XX por Vázquez Gulías. Foi sempre un espazo de celebracións e bailes animados por orquestas no palco da música. Casares recorda, neste pasaxe de "Vento ferido", esta Alameda de bailes, onde se reunían os mozos dos pobos e aldeas veciñas. "O baile segue. Ela, sentada, nun banco de pedra na Alameda, soa, non ve a ninguén. Chegou esta mañá ben cedo. Agardábana os tíos na estación. Pasou o día espiando vellos detalles: a tecla do piano que daba un son a pau que lle limaba os dentes. Aquel periódico do ano 1912 que gardara alguén ¡quen sabe cando! na páxina 12 do dicionario latino de Raimundo de Miguel." (Vento ferido, 1967)

O Liceo Carlos Casares foi socio de honra do Liceo de Ourense, unha das máis antigas institucións culturais da cidade. Está situado na rúa Lamas Carbajal, no pazo de Oca-Valladares. No interior do pazo, unha placa recorda a D. Juan de la Coba, excéntrico poeta, dramaturgo e inventor dunha lingua propia, o Trampitán. "Adrio Menéndez no seu libro Del Orense antiguo di que, nos seus tempos mozos, don Xan da Coba foi o que entón se chamaba na boa sociedade «un pollo bien», e que como tal aparece en varias actas do Liceo dos anos 1853 e seguintes, cando nos bailes e os saraos ocupaba postos de honor en comisións de adorno e recepción. […] e fala del con agarimo, destacando a súa bondade e o seu fondo inmaculado (...) O Trampitán (...) as palabras inventadas, desprovistas de calquera significado aparente. […] é o triunfo da liberdade creadora e a ruptura coa lóxica e as convencións da literatura (...)" Tropis do trapoli tras pribos do trapoto tran. As estripes petrolatras ¡to! tan tropois apololatras do trapoli do titán" («Evocación de Xan da Coba», en Juan de la Coba y Gómez, 1999) Interior do Liceo Homenaxe de Sargadelos a Juan de la Coba

Rúa da Paz No número 21 da rúa da Paz, coñecida antigamente como rúa dos Zapateiros, naceros e viviron dúas figuras fundamentais da literatura de Galicia: Otero Pedrayo e Vicente Risco, máximos expoñentes da chamada Xeración Nós, renovadora do pensamento e cultura galegas a comezos do século XX. "(...)ademais de ser un liberal, Otero foi tamén un romántico e que como romántico, tardío e atípico, a súa paixón histórica non foi tanto a Idade Media, na que inevitablemente centrou unha das súas novelas, como o século XIX, sobre todo na etapa en que a sociedade dos señores aínda brillaba de seu, lonxe dos embates e dentadas de comerciantes e burgueses, e cando as comunicacións viarias non transformaran aínda a economía natural en economía comercial, nin introduciran alteracións no vivir sosegado da aldea, sometida ritmos e ciclos naturais vellos de séculos." (Otero Pedrayo, 1977) Dn. R. Otero Pedrayo Casa de Otero e Risco na rúa da Paz

Dende a súa columna "A Marxe", Casares relatou durante unha década esceas do seu mundo real e imaxinario. As espesas néboas , debidas ao paso do Miño e a peculiar orografía da cidade, sempre foron habituais en Ourense ... "Nos meus anos de estudante en Ourense, alá pola década dos cincuenta, había unhas néboas tan densas que impedían ver un burro a poucos pasos. Non estou usando ningunha hipérbole. Ás veces tiñamos que interromper os partidos de fútbol porque resultaba imposible saber que sucedía na portería contraria ou adiviñar por que parte do campo andaba o balón. Mesmo na rúa do Paseo, no centro da cidade, resultaba imposible distinguir os amigos ata que se atopaban a uns poucos metros de distancia. E desde o alto do Montealegre ou de Ervedelo, non se vía outra cousa que un mar de néboa espesa, como se debaixo non houbese nada. O feito de que tivesen que interromper os partidos de fútbol non me gustaba, pero o espectáculo de ir pola rúa, vendo como a xente aparecía de súpeto, como se saíse ás atoutiñas dun mundo de pantasmas, parecíame excitante e marabilloso. Lector contumaz de Sherlock Holmes, non me custaba moito deixar que a imaxinación construíse pequenos contos, historias imposibles, novelas de medo."(“Néboa” Á marxe, La Voz de Galicia, 24 de outubro de 1998)

A rúa do Paseo, unha das rúas máis importantes de Ourense, era espazo de encontro e tránsito entre cafés e tertulias con amigos como Quessada, Virxilio, Buciños ou José Suárez o fotógrafo nacido en Allariz e que foi unha das figuras mais destacadas da fotografía galega do s. XX "Había en Ourense un señor, alá polos anos setenta, boa persoa e moi ben educado, que tiña a mala sorte de caerlle mal a Pepe Suárez, o famoso fotógrafo nacido en Allariz. […] Unha noite, estando sós Pepe e mais eu no desaparecido Café Miño, pregunteille con toda a cautela do mundo, para non provocar nel unha explosión de furia, pola razón daquela antipatía. (...) Feita a pregunta, Suárez, que estaba tomando un té, quedou un momento coa taza no aire e díxome sen irritación de ningunha clase: “Ese individuo é a persoa que sabe máis cousas inútiles de toda Europa. Estou seguro que, se llo preguntas, coñece o nome do inventor da salchicha”. Logo acabou o seu té e seguiu falando de outros asuntos. (…) (“Inútil”, Á marxe, La Voz de Galicia, 25 xaneiro 2000) Fotografías de José Suárez (1902/1974) Edificio do antigo Hotel Miño na rúa do Paseo

Polas rúas do Ourense antigo era habitual atopar carros tirados por vacas ou bois , nos que se transportaban alimentos producidos nos pobos para a súa venda no mercado. Esta imaxe é recordada por Casares na súa novela autobiográfica "Xoguetes para un tempo prohibido" "E entón botaron un trote e o Parranda dicíalle a don Nemesio: «Vaise acabar o tempo dos caciques». E don Nemesio: «¿E quen lles vai cavar a cova?» E o Parranda: «Sobran sachos». Pero a cousa viña de atrás, de cando don Nemesio fora alcalde e prohibira que cantasen os carros pola vila e o Parranda dicía que os carros habían cantar por riba de todo, e que se os do Concello tiñan os ouvidos delicados, que lles botasen cera, que nunca se vira un carro silencioso e non se había ver mentres o Parranda vivise…" (Xoguetes para un tempo prohibido, 1975)

Praza Maior Neste pasaxe da novela "Deus sentado nun sillón azul", Casares debuxa con detalle o continuo tránsito de xente nesta praza que consttitúe o corazón da cidade. "Poucos minutos despois, cruzando a Praza Maior, ela pensou que a calor do día resultaba abafante e buscou con ansiedade a sombra dos soportais do Espolón. As terrazas dos cafés estaban cheas de xente e diante da escalinata da Casa do Concello, un grupiño de nenos que tiñan pintada unha raiola sobre o pavimento de pedra xogaban baixo a vixilancia pouco dilixente de catro criadas vestidas de uniforme que falaban entre elas. Na esquina da catedral observou a dous cóengos, un deles coas mans metidas nos petos da sotana e o outro fumando un pito de forma discreta, como se pretendese evitar que o visen desde as terrazas da praza." (Deus sentado nun sillón azul, 1996)